Contador de Visitas

venres, 12 de abril de 2013

I Xornada Feroz de Música Galega: OBRADOIRO DE PERCUSIÓN


lola.jpg

Lola Fernández, máis coñecida por Lola de Ribeira, será a responsable de impartir o obradoiro de percusión. Lola é unha das percusionistas máis recoñecidas do panorama musical tradicional do país. Os seus estudos musicais comezaron na Escola Municipal de Gaita e Percusión de Ribeira, seguindo a súa formación nunha das bandas de gaitas máis carismáticas dos anos oitenta, “Ancoradoiro” . Compaxina os seus estudos de percusión clásica no conservatorio de Santiago de Compostela, cos da diplomatura de Maxisterio Musical na mesma cidade. 
Foi integrante do orfeón Terra a Nosa”, onde traballa canto clásico co mestre de capela Miro Moreira. Anos máis tarde, complementará os seus estudos de canto moderno con Carmen Rey. 
Formou parte de grupos tan dispares como Serra-lhe aí!!!, Sete Saias ou Os Diplomáticos de Montealto. É capaz de traballar rexistros tan dispares como o rock, o folque ou a música tradicional e aportar novas sonaridades aos mesmos. 
Na actualidade forma parte do grupo Taghaitai xunto con Manolo Maseda, Edelmiro Fernández e Iván Costa.
Miguel Fraguas é titulado de Grado Profesional de Música Tradicional na especialidade de requinta. Formouse como instrumentista de gaita de mans de prestixiosos mestres coma Iván Costa, Edelmiro Fdez, Pepe Vaamonde e Juanjo Fernández. Posteriormente cursou estudios de saxo da man dos mestre Pablo Estellés e Sarunas Pupelis.
No campo da música tradicional ten acadado numerosos e importantes premios, tanto coma gaiteiro coma percusionista.
Na actualidade é membro da orquesta tradicional Sondeseu, do grupo Banda Baile Asalto, do grupo Lagareu, do cuarteto tradicional Polavila e da compañía de danza Bruma. Asemade é director da Banda de Gaitas Foula de Cotobade, así como da sección de percusión Os Chaneiros de Marín, mestre das pandereteiras de Quireza e director da Charanga Polavila.

CONTIDOS XERAIS DO OBRADOIRO

1. Descripción e características do instrumento: tamaño, materiais, tímbrica, bordón, afinación (relativa), etc.
2. Baquetas: elección, posición adecuada e modo de collelas.
3. Rudimentos técnicos: linguaxe musical básica para a lectura e composición de arranxos; paradiddle; acentos; ligaduras; redobres; mordentes; etc.
4. Esquemas básicos de acompañamento dos diferentes ritmos empregados na música tradicional galega: alboradas, pasodobres, polcas, rumbas, vals, mazurcas, jotas, muiñeiras.
5. Traballo de arranxos para os diferentes ritmos (exemplos e composición individual e/ou por grupos).
6. Audicións de diferentes execucións percutivas e maneiras de acompañar (acompañamento básico, debuxo da melodía, contrate e contraposición).
7. A pequena percusión: culleres, tarrañolas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario